• 26 octubre, 2017

Misa en acción de grazas pola canonización de San Faustino Míguez

Misa en acción de grazas pola canonización de San Faustino Míguez

San Faustino Míguez, fundador das Calasancias

O día 15 de outubro, na Basílica de San Pedro de Roma, o papa Francisco canonizaba a San Faustino Míguez, sacerdote escolapio (nacido o 25 de marzo d0 1831 en Xamirás, aldea da parroquia de Acevedo do Río, da nosa diocese de Ourense) fundador das Nais Calasancias. Hoxe é festa para Igrexa e para tódolos ourensáns. Na S. I. Catedral o Sr. Bispo presidirá unha Eucaristía en acción de grazas.
O haxiógrafos, cando nos narran a vida dos santos canonizados, fálanmos dos seus moitos milagres e das súas virtudes vividas en grado heroico. A min gústanme máis as biografías que nos falan de un neno, nado nunha familia cristiá en Xamirás, o benxamín de catro irmáns, inquedo coma tódolos nenos e nenas; fálannos de como no seu fogar aprende a amar e a ser amado polos seus pais e irmáns, como aprende a rezar e a quererlle tamén a Deus, noso Pai, e a mamá do ceo, a Virxe María, na advocación do Cristal ou da Aramada. Un neno que vai a misa da parroquia de Acevedo cos seus pais e cos seus irmáns, que atende a catequese do Sr. Cura e vai completando a súa iniciación cristiá coma os nenos e nenas dos pobos por aquel tempo.
Faustino é o benxamín da familia e seus pais queren darlle estudos; queren que sexa un home de ben e de proveito. E, ¿onde estudar? Daquela ten que ir interno ao Santuario dos Milagres. Alí, co latín e mailo grego, coa gramática e a retórica, escoita falar moito da chamada do Señor a vida consagrada e sacerdotal. A os pes da Virxe dos Milagres Faustino vai medrando interiormente, vai encamiñando a súa maneira de ser e de pensar polos vieiros da vida sacerdotal, pero como profesor, pois gústalle moito ser ensinante. Os seus veciños recordábano como “un neno moi educado; que falaba con vellos e novos; que tiña para todos unha palabra de consolo”. Esta é a mellor definición de un santo.
Xa mociño, ingresa nas Escolas Pías de San Xosé de Calasanz e converte en realidade o seu soño: ser escolapio, sacerdote e mestre de nenos e nenas, En San Fernando, en Xetafe, en Celanova, entrégase en corpo e alma ao ensino dos máis pequenos e goza, véndoos medrar, coma un pai co ben dos seus fillos. Na súa madureza , anos máis tarde, aberto ás necesidades dos tempos e guiado polo Espírito do Señor, fundará as Nais Calasancias, enriquecendo con este Instituto Relixioso a Igrexa con unha pléiade de vocacións femininas a vida consagrada.

 

Dejar una Respuesta

Nombre (requerido)

Correo electrónico (requerido)

Asunto

Mensaje