DSC_0006

Fin de unha época na S. I. Catedral de Ourense

Fin de unha época na Catedral de Ourense

 
Fai para corenta anos que fun destinado polo Sr. Bispo D. Ángel Temiño Sainz para a S. I. Catedral. Podo falar do de antes, do de agora e, tamén, do que supoño vai vir despois. Constato con pena que no mes de febreiro comeza para este templo catedralicio e sede episcopal unha nova época. Vostedes saben que unha das misións dos Ss. Cóengos, e non a menos importante, é a de reunirse en coro para o rezo da liturxia das hora polas mañás, con Laudes, Misa coral e hora de terza, e polas tardes co rezo das Vésperas. Intercaladas entre esas horas ían mesturándose historietas de chocolates, de merendas e de tramas eclesiásticas e non tan eclesiásticas, e de xulepes… Pero pasou o tempo, chegaron as misas polas tardes, as labores do ensino, e suprimíronse as vésperas por mor de facilitar horarios aos cóengos implicados.
Cando eu cheguei a Catedral esta era a distribución do coro e maila obrigatoriedade do rezo coral. Pero o tempo seguiu pasando, e as mañás convertéronse no tempo máis propicio para toda clase de traballos eclesiásticos e civís, e non houbo máis remedio que suprimir Laudes, Misa de Coro e hora de terza, tódolos días da semana, exceptuados os domingos e festas de gardar. E nesta camiñamos, polo menos, uns quince anos.
Agora, como Deán da Catedral, tócame dar un paso máis, ben custoso por certo. Despois de consultar co Sr. Bispo e cos compañeiros de Cabido suprímese o rezo coral na Catedral tódolos domingos e festas de gardar, exceptuando as Vixilias e os solemnes Oficios da Semana Santa. E isto, preguntaranse Vostedes, ¿a que é motivado? Moitos dos Ss. Cóengos ten ao seu cargo parroquias, comunidades relixiosas ou o deber de moverse a distintas comunidades parroquiais que non poden ser atendidas polos seus respectivos párrocos. Por outra banda, o Código de Dereito Canónico dinos que para que haxa “quorum” fan falta, a lo menos, tres cóengos. E en moitas ocasións xa non estamos nin tres porque no lo impiden os nosos cometidos. E tamén engadiría que por dignidade na celebración da Liturxia das Horas e por respecto a mesma na comunidade orante. 
Fin de una época, documentada polas escrituras, cando menos do 1.122. Xa existía daquelas o Cabido catedralicio que tiña por misión principal, ente outras, o rezo da Liturxia das Horas. ¡Queira Deus que nun futuro non moi lonxe teñan que recuperar o camiño que polo de agora imos desandando!
]]>

Los comentarios están cerrados.