Domingo da Resurrección do Señor
Na festa da Pascua bendícense as casas, estréanse os vestidos, prepáranse os campos para a sementeira, todo se anova. Porque este é o día en que o Señor actuou, é a solemnidade das solemnidades e é a nosa Pascua: Cristo Resucitado, El é o noso Salvador. En tempos, o repique das campás manifestaban a alegría dos crentes neste grande día de festa. Hoxe hai campás, pero non hai xente que as repique.
Cremos que Cristo resucitou de entre os mortos porque aceptamos o testemuño dos apóstolos, que viron o sepulcro baleiro e creron; porque comeron e beberon con el, despois da súa resurrección; e este é o testemuño que nos transmite a Igrexa ao longo dos séculos.
Isto aconteceu o primeiro día da semana e a partir de entón é domingo, día do Señor Resucitado, a pedra que os arquitectos rexeitaron é agora a pedra angular da Igrexa. A través da fe e do bautismo resucitamos con Cristo, o verdadeiro Año que quitou o pecado do mundo, que ao morrer destruíu a nosa morte e ao resucitar restaurou a vida. Por iso e dende entón hai que buscar sempre os bens do ceo, onde Cristo está sentado á dereita de Deus Pai.
A celebración componse de tres partes ben diferenciadas: a procesión de Santa María Nai dende a súa igrexa ata a Catedral para o encontro co Resucitado, a solemne celebración da Pascua do Señor cos cantos do aleluia e a procesión do retorno a igrexa de Santa María Nai. ¡Feliz Pascua a todos; Cantemos e saltemos de ledicia, porque resucito o Señor!