IMG_7777

Tempo de Coresma

Mércores de Cinza

 “Despois do entroido ven a Coresma”. O comezo da Coresma caracterízase polo símbolo austero das cinzas, signo propio dos antigos ritos penitenciais dos pecadores convertidos. O xesto de cubrirse con cinzas ten o sentido de recoñecer a propia fraxilidade e mortalidade, que precisa ser redimida pola misericordia de Deus. Lonxe de ser un xesto puramente exterior, a Igrexa conservouno como un signo da actitude do corazón penitente que cada bautizado está chamado a asumir no itinerario da Coresma. É preciso que, cando participamos nesta celebración da imposición da cinza, comprendamos o significado interno que invita á conversión e ao esforzo da renovación pascual.
“Por riba ou por baixo, a coresma sempre cae en marzo”: neste tempo pídesenos aos fieis unha participación máis intensa e fecunda na Liturxia Coresmal e nas celebracións penitenciais. E segundo as normas da Igrexa, que nos acheguemos ao sacramento da penitencia e participemos, purificados dos pecados, nos Misterios Pascuais. Coa Coresma comezamos o ciclo de Pascua, que nos prepara para celebrar a Paixón, a Morte e a Resurrección do Señor e que continuará durante cincuenta días ata a Pentecostes.
Na Coresma preparámonos para renovar as promesas bautismais na noite da Vixilia de Pascua. E estamos chamados a volver a andar o que temos desandado cos nosos pecados, practicando a penitencia, que se especifica na oración, na esmola e no xaxún. Pola dificultade que entrañan estas prácticas, dise  de algo difícil que “é máis longo que unha coresma”.
 
O tempo de coresma é tempo para converternos ao Señor, celebrando dun xeito especial o sacramento da reconciliación onde, confesando ​​os nosos pecados, recibimos a absolución dos mesmos, reconciliándonos coa Igrexa e con Deus. “A coresma e a xustiza están feitas para os máis pobres”, pois os ricos non precisan da salvación e a xustiza adminístrana ao seu xeito.
 
Galería de Fotos:
]]>

Los comentarios están cerrados.