Concerto XI do Pórtico do Paraíso
S. I. Catedral. 2 – III – 2018
Boa noite e benvidos a S. I. Catedral, onde Carlos Núñez ofrecerá o concerto inaugural do Pórtico do Paraíso. Algo importante e eu diría que transcendente: «cos mesmos instrumentos que están representados na policromía do Pórtico do Paraíso do s. XIII, que volverán a cobrar vida no mesmo lugar no que foron tallados grazas ó bo facer do taller dirixido por Manuel Brañas da Deputación», o gaiteiro Carlos Núñez, por unha banda, e os instrumentos do Pórtico do Paraíso, por outra, xogarán connosco nesta noite de maxia e poesía. A catedral, coma sempre, abre as súas portas á cultura, a música, ao pensamento e a oración. A todos se nos brinda esta oportunidade. Os músicos do apocalipse están a tocar para nós; fagamos un esforzo para escoitalos. Agradecemos o seu saber estar, o seu respecto, e a súa colaboración para que todo saia o mellor posible. Desconecten os móbiles e feliz audición para todos. Boa audición para todos.Concerto de Carlos Nuñez en Ourense
dentro do Pórtico do Paraíso 2018
Carlos Núñez é coñecido como unha das grandes figuras internacionais da música celta. O éxito da súa carreira foi tan extraordinario para un instrumentista que eclipsou a súa formación académica como frautista do pico. Non obstante, a súa visión da música celta como música histórica fixo que os seus concertos e gravacións cos grandes da música clásica fosen relativamente frecuentes, así como os seus concertos sinfónicos en «templos» da Música Clásica como o Musikverein de Viena ou o Boston Symphony Hall. Fai un par de anos Carlos Núñez dirixiu un concerto moi especial na catedral de Santiago onde fixo soar, por primeira vez, todos os instrumentos representados no Pórtico da Gloria, esculpidos polo mestre Mateo no século XII. Na mentres, Carlos Núñez visitou na terra da súa familia paterna en Ourense o taller da Deputación dirixido por Manuel Brañas para coñecer as réplicas feitas fai décadas dos instrumentos do Pórtico do Paraíso. Entendeu que, aínda que moitas veces se di que esta é unha versión de Santiago, os instrumentos teñen pouco que ver, algúns son moito máis similares aos exemplos da iconografía musical europea que a Compostela e outros son moi orixinais, quizais con características únicas ourensás. E no verán pasado, en tres concertos dedicados ao repertorio medieval dos mosteiros emblemáticos da provincia de Ourense, animouse a usar algún deles e tocalos. Así como os de Santiago ten xa varias xeracións e fóronse perfeccionando ao longo dos anos, os de Ourense só ten unha primeira xeración, polo que o mestre luthier Christian Rault -que no seu día estivo detrás do proxecto inicial de Santiago e do de Ourense-, foi invitado a facer un curso que deu lugar a novas réplicas perfeccionadas dalgúns deles, que se interpretarán neste concerto de inauguración e estarán a disposición dos músicos que desexen utilizalos no futuro. Carlos Núñez puido confirmar a profunda conexión destes instrumentos medievais coa tradición, que se converteu na clave para que especialistas de todo o mundo puidesen recuperala. Galicia é un lugar privilexiado xa que, en gran parte, toda esta música medieval continuou vivindo na tradición oral, comezando coa gaita e co gaiteiro máis universal, que está decidido a recuperar a centralidade que tiña na Idade Media, na que media Europa peregrinou aquí traendo e levando músicas e, como ben se sabe, ata o Rei Sabio – educado en Maceda e Allariz – compuxo en galego as súas cancións ou Cantigas. ]]>