Día do Seminario
Hoxe, día 18 de marzo, domingo, a Igrexa diocesana celebra o Día do Seminario. Sabemos da escaseza dos sacerdotes para que responsabilicen das parroquias que quedan vacantes. Sabemos que, hoxe por hoxe, a vocación a vida sacerdotal non é ben vista pola sociedade nin por moitas das familias. Tamén sabemos que a vida que levan os sacerdotes non crea ilusión nin provoca admiración entre os mozos e mozas dos tempos que corren. Por veces ata temos ocorrencias como a de que os sacerdotes ten que casarse ou a de que ás mulleres ten que ter acceso a ordenación sacerdotal como pasa na Igrexa anglicana ou en moitas das Igrexas protestantes. Eu, por veces, póñome a imaxinar como terían que ser os curas de hoxe para que fosen ben acollidos, respectados e queridos polas comunidades parroquiais e pola sociedade en xeral. O sacerdote tería que ser unha persoa alegre e contenta de si mesmo, unha persoa desprendida e xenerosa, atenta aos máis débiles (aos nenos, aos mozos e mozas, ás familias desestruturadas, ás persoas maiores e aos enfermos…). Tamén lles pediría aos futuros sacerdotes capacidade intelectual e humana para poder dialogar con persoas de distintas maneiras de pensar, con táboas para non romper as relacións e con capacidade para propoñer lugares de encontro e metas de traballo. Sacerdotes novos para unha Igrexa, “hospital de campaña”, para unha “Igrexa en saída” ao estilo do Papa Francisco. Hoxe pola tarde, no Seminario Maior, ordénanse dous diáconos no seu camiño ata o sacerdocio. Un deles, natural da Limia, pasou por tódolos cursos do Seminario Menor e Maior. Chámase José Antonio. Pasar polos dous seminarios é garantía máis que suficiente de estar preparado para a misión sacerdotal que lles agarda. O outro compañeiro chámase Jesús Nsue, é guineano, estudou na universidade de Comillas en Madrid e leva uns anos aclimatándose á diocese de Ourense. Penso que estamos falando xa de candidatos ao sacerdocio a altura dos tempos que corren. O lema do Día do Seminario é “apóstolos para mozos e mozas”, que reflexa ben as claras o que acabamos de dicir. Recemos para que haxa vocacións as a vida sacerdotal e sexamos xenerosos con esta institución da Igrexa, imprescindible, máis que nunca, para o anuncio do Evanxeo.]]>