O diaconado permanente
Por primeira vez en Ourense: Por primeira vez na historia da Igrexa de Ourense, o 31 de marzo ordénase o primeiro diácono permanente na S. I. Catedral. Será ás 18.30. O Concilio Vaticano II restaurou o diaconado permanente, reafirmando a tripla orde do ministerio ordenado: bispos, sacerdotes e diáconos. Isto aclara que a escaseza sacerdotal non é o motivo da ordenación dos diáconos permanentes, senón que con iso a Igrexa recupera a súa plena identidade xerárquica. Breve historia do diaconado permanente: O diaconato aparece xa no Novo Testamento e é frecuentemente citado polos pais da Igrexa e polos concilios dos primeiros séculos. A institución diaconal floreceu ata o século V; máis tarde experimentou un lento descenso, acabando por quedarse só como unha etapa intermedia para acceder ao sacerdocio. O Concilio de Trento mandou que se restaurase o diaconado permanente, pero sen accións concretas. O Concilio Vaticano II restitúeo como «o grao propio e permanente da xerarquía». E, por último, o Código de Dereito Canónico, promulgado en 1983 polo Papa Xoán Paulo II, integrou as disposicións que o Concilio Vaticano II ordenara así como as ensinanzas sobre o tema do Papa San Pablo VI. Nas diócesis españolas, as Normas prácticas para o establecemento do diaconado permanente foron aprobadas en Decreto pola Sagrada Congregación para os Sacramentos e Culto Divino con data do 29 de abril de 1978. Misión dos diáconos permanentes: O diácono exerce o servizo ao Pobo de Deus nos tres ámbitos fundamentais da misión da Igrexa: ensinar, santificar e guiar co testemuño caritativo-social. Así, o diácono está chamado a anunciar o Evanxeo e a predicar. O diácono instrúe o pobo de Deus a través da homilía, da catequese e dos distintos espazos de transmisión da Palabra. No ámbito litúrxico e sacramental, o diácono participa na acción santificadora do pobo de Deus. Así, preside a celebración dalgúns sacramentos (bautismo e matrimonio), preside os ritos exequiais e tamén a Liturxia das Horas, a oración dos fieis, e bendí ás persoas e ás cousas e, por riba de todo, axuda ao Bispo e ao sacerdote na celebracións da Eucaristía. No ámbito caritativo-social, de xeito preeminente, o diácono está chamado a ser dilixente testemuño da caridade de Cristo, que veu para servir e dar a súa vida. Cal será a súa misión na diocese de Ourense? Dentro das misión subliñadas e propias dos diáconos, a misión dos diáconos serán aquelas que lle encomende o Sr. Bispo: asistir ao Bispo nas celebracións, celebrar a Palabra, presidir celebracións en ausencia de sacerdotes, bautizar e asistir aos matrimonios, homilías, catequeses, coidado dos enfermos e tamén presidir as Caritas parroquiais, etc. Certamente serán de gran axuda para a Igrexa diocesana. ]]>