
Chegan os últimos días de agosto e as primeiras xornadas de setembro. É o tempo das novenas marianas, unha tradición profundamente arraigada na nosa terra. A Virxe da Aparecida, en San Andrés de Porqueirós, abre o calendario; a Virxe dos Milagres, en Couso de Salas e en Baños de Molgas; a Virxe do Portal, en Ribadavia; a Virxe dos Remedios, en Ourense, en Vilamaior do Val, en Verín, en Castro Caldelas, en Sobreganade; a Virxe da Saleta en Cea, a Virxe da Saúde na Peroxa. E, entre tantas outras, a nosa querida Virxe da Clamadoira, en Muíños. Tamén a Virxe do Xurés, en Riocaldo, a Virxe do Viso, en Lobeira, ámbalas dúas de refestexo, e tantas outras advocacións, como a Nosa Señora da Piedade, en Parada de Ventosa ou a Señora da Peneda en Portugal, que nestes días reúnen as nosas xentes.
É un calendario que se repite ano tras ano, pero que nunca é exactamente igual, porque tampouco nós somos os mesmos. Volvemos aos santuarios coa memoria dun ano vivido, coas alegrías e tamén coas feridas, coas ausencias e coas esperanzas renovadas. Moitos regresan á Clamadoira para cumprir unha promesa, para dar grazas, para pedir pola familia ou, simplemente, para estar un intre coa Virxe.
Son días de encontro. Encontro coa nosa xente, cos amigos, coa familia e coa terra que nos viu nacer. Cantas lembranzas se xuntan nestes días! Cantos rostros coñecidos, cantos nomes que gardamos no corazón e cantas persoas que xa non están entre nós, pero que dalgún xeito seguen presentes cando volvemos á Clamadoira.
E, sobre todo, é encontro con María, a Nai que sempre nos espera. Contemplando o misterio da Visitación, descubrimos unha Virxe que sae ao encontro, que camiña, que acompaña e que leva consigo a alegría de Deus. Tamén nós somos convidados a saír dos nosos camiños rutineiros para achegarnos máis aos demais e, con eles, ao Señor.
María acóllenos na súa casa e, como sempre, lévanos a Xesús. Ela repítenos, coa sinxela recomendación de Caná: «Facede o que El vos diga».
Quizais esta sexa a mellor maneira de vivir a Clamadoira neste ano: subir á montaña da Virxe para baixar despois coa vida un pouco renovada; subir coa nosa historia, coas nosas preocupacións e esperanzas, e regresar coa certeza de non camiñar sos.
Mirando os nosos vales, os nosos fogares e os nosos veciños, todos necesitamos facer, crentes e non crentes, un pequeno achegamento cara ao Señor.
Que a Clamadoira 2026 sexa para todos un tempo de encontro, de gratitude e de esperanza. E que a Virxe, como tantas veces fixo cos nosos pais e cos nosos avós, nos acompañe tamén a nós e nos ensine a camiñar sempre cara ao seu Fillo.





