Festa do san Martiño
A festa do san Martiño de Tours ven neste ano cargada de sinodalidade: a Igrexa que peregrina en Ourense ponse en camiño, en saída, co firme desexo de proclamar a Boa Nova nesta nosa terra; e, como non podía ser de outra maneira, nunha perspectiva de comuñón, de participación e de misión ecleiais, unímonos en Ourense aos traballos programados polo Sínodo dos Bispos do 2023 en Roma.
San Martiño era natural da rexión da Pannonia, na actual Szombathely, en Hungría. Naceu no ano 316. Os súa familia vivía no “limes” do imperio romano. Isto explica que seu pai fora militar, pois precisábanse moito soldados para a defensa das fronteiras do imperio fronte as posibles invasións bárbaras. Por outra banda, era unha forma de vida economicamente axeitada e ademais con certo prestixio ante o pobo.

Cando lles foi posible, trasládanse a Pavía, preto de Milán, buscando terras máis quentes e de máis orde e harmonía, ao estar no centro do imperio. Martiño anda polos quince anos. Enrólase con outros mozos en reunións de catecumenado e afeccionase ca doutrina cristiá que está aprendendo. Por ser fillo de militar acede facilmente ao exército e sirve ao imperio como lexionario en Amiens. Nas portas de esa cidade ten lugar o feito de compartir a súa capa co pobre aterecido de frío.
Pasado algún tempo, Matiño convértese ao cristianismo. E reflexa a súa madureza na frase «fun soldado por obrigación y por deber e monxe por vocación para salvar a miña alma». Ponse baixo a dirección espiritual de san Hilario de Poitiers, faise monxe e, por máis de dez anos, dedícase a oración, a o estudo da Palabra de Deus e a vivir a caridade de maneira comprometida con tódolos irmáns.

A súa fama de santidade vai crecendo. Un bo día convídano a visitar a cidade de Tours, pois hai un enfermo que precisa da súa presencia por si pode facer algo pola súa sanación. Como estaban sen bispo, o pobo reunido proclámao novo pontífice de aquelas terras. Foi bispo por máis de vinte e sete anos, gañouse o cariño de aquel pobo da Bretaña francesa e a súa caridade foi inesgotable para con tódolos pobres e necesitados do país. Morreu no ano 397.
A cidade de Ourense celebra con ledicia as festas do seu patrón. Poderían ser máis sonados os seus festexos tal como nos tiñan prometido, Pero como imos tanto para adiante como para atrás, contentarémonos con seguir a tradición de tódolos anos. Castañas non nos han de faltar, o viño novo promete, e malo será que non fagamos un bo magosto. Non esquezamos que temos misa solemne na Catedral ás 11. 30 da mañá.
